viernes, 16 de junio de 2017

AS PEGADAS DA CULTURA CLÁSICA NA PUBLICIDADE


         Os ordenadores Acer, a crema Eudermin, a colonia Clyo... é sorprendente ver como as culturas latina e gregas están presentes nos nomes das marcas publicitarias, sempre cun valor connotativo moi concreto. Coñecer a cultura clásica tamén axuda a ser máis crítico coas técnicas publicitarias e a ler en profundidade a mensaxe que nos queren enviar. Estes traballos, do alumnado de latín de 4º de ESO, mostran o que se agocha moitas veces detrás dos produtos e do seu nome. 

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/marcas_publicitarias_mv_    (Marta e Verónica)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/publicidade_lr___1_           (Laura e Rosalía)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/publicidade_lm     (Lucía e Marcelo)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/publicidade_cr    ( Cristian e Raúl)

sábado, 10 de junio de 2017

DEUSES E HEROES


       A través destes enlaces podedes acceder aos traballos sobre mitoloxía realizados por vós e expostos na aula estes días.


https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/deuses_m_v_         (Deuses: Marta e Verónica)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/heroes_m_v_         (Heroes: Marta e Verónica)

 https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/deuseslat__n_lr_   (Deuses: Laura e Rosalía)

 https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/heroeslat__n_lr     (Heroes: Laura e Rosalía)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/deuses_e_heroes_c_r_ (Deuses e heroes: Cristian e Raúl)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/deuses_romanos_lm    (Deuses: Marcelo e Lucía)

https://issuu.com/mariasanchezmanteiga2/docs/h__rcules_lm              (Heroes: Marcelo e Lucía)

domingo, 28 de mayo de 2017

LOCUCIÓNS LATINAS I / II / III / IV




PRECISIÓNS:

- Na expresión In dubio pro reo, débese falar de acusado ou sospeitoso, mellor que de culpable.


PRECISIÓNS:

- A palabra agenda provén do plural do participio de futuro (agendum), do verbo agere ( levar a cabo, facer): ese participio plural ten que traducirse con certo valor de obriga: As cousas que deben levarse a cabo ou que deben ser feitas; por extensión, designa onde se anotan esas tarefas pendentes.
- Deficit como sustantivo formouse cando se nominalizou a 3ª persoa de singular do presente do verbo deficere (faltar, non haber abondo).
- Ad hoc: literalmente significa Para isto, especificamente. Refírese a aquelas situacións nas que se crea algo intencionadamente para alguén ou cun fin predeterminado.
Creáronlle un posto de traballo ad hoc.


PRECISIÓNS:

- A expresión et cetera provén da conxunción copulativa et e da forma neutra plural do pronome ceterus,-a,-um (o outro, o demais). Significa, pois, E todo o demais, e todo o resto. 


- Aquiles foi sumerxido por súa nai na lagoa Estigia, para que adquirise a condición de inmortal. Pero o talón, por onde o suxeitou, non se mollou nesta augas e foi a parte do corpo que quedou vulnerable. Morreu, anos máis tarde, xa como guerreiro, cando unha frecha lle acertou nesa parte do corpo.


- O adxectivo venéreo/a, ven do substantivo latino Venus, Veneris (xenit.), referido a Venus, deusa do amor. Refírese ás enfermidades de contaxio sexual.

- É narcisista quen se considera superior aos demais por acumular virtudes que outros non teñen. O termo vén de Narciso, personaxe mitolóxico vanidoso que se namorou de si mesmo ao verse reflexado na auga: morreu alí de fame, admirándose.


jueves, 23 de marzo de 2017

FOMOS AO TEATRO


      O pasado martes, 14 de marzo, os alumnos e alumnas de Latín e Grego do IES de Curtis acudimos ao Festival de Teatro Grecolatino, celebrado en Lugo. Alí poidemos ver unha traxedia grega e unha comedia latina.

       Pola mañán representouse a traxedia As Bacantes, de Eurípides: Dionisos acude a Tebas, gobernada polo soberbio e autoritario Penteo. O deus do viño pretende instaurar o seu culto, pero o rei négase a admitilo como deus e persigue a quen queira adoralo. A vinganza da divinidade será terrible: fai que as mulleres o sigan e que perdan o xuizo. A consecuencia disto a propia nai de Penteo, mátao e despedázao. A traxedia, unha vez máis, ofrece ante os ollos do espectador, as consecuencias dos erros humanos.


     Sería inxusto non subliñar a fermosura do vestiario das bacantes, a forza dramática do coro e o dramatismo do final, que produce a catarse no espectador. Entre o elenco de actores, impactounos o sentimento que poñía na súa interpretación Penteo: o enfado e a ira contra ese deus que invade o seu terreo resultou moi real. 

      Xa pola tarde, acudimos á comedia Pseudolus, de Plauto. Calidoro é un mozo namorado de Fenicia, prostituta que traballa con outras máis para Baliona. Ésta vendeuna a un soldado macedonio e cando acabe de pagarlle o prezo fixado, vaina mandar con el. Calidoro recorre ao seu criado Pseudolus para evitar a marcha da moza: a fanfarronería, a astucia e o acerto deste servente non só desatará a risa do público, senón que fará posible que Calidoro e Fenicia acaben xuntos ao remate da obra. 

      O certo é que nos gustou moito: pensamos que os actores que a representaron teñen moito mérito, pois facer rir non é tarefa sinxela. Boa parte do éxito ten que ver coa incorporación de elementos actuais ó argumento: Pseudolus parece Fredy Mercury, o vestiario é moi moderno e cómico, nos diálogos faise referencia a personaxes e feitos do presente do público... Tamén lle aporta moito humor o histrionismo dalgúns actores, como foi o caso de Baliona (na obra plautina é un home): a xesticulación esaxerada e os seus modais "pouco refinados" non deixaron impasible a ninguén . 

jueves, 2 de marzo de 2017

EN BUSCA DE UNA PATRIA. LA HISTORIA DE LA ENEIDA

 
      En busca de una patria. La historia de la Eneida é unha obra de Penelope Lively publicada por Vicens Vives. Nela adapta o texto clásico de Virgilio e relátanos as aventuras de Eneas, o heroe troiano, fillo de Anquises e Venus, desde a súa saída de Troia ata a súa chegada ás costas de Italia. Alí, narra os combates que sostén contra os habitantes do Lacio ata conseguir a vitoria e a correspondente recompensa: o matrimonio con Lavinia, filla do rei Latino. Queda así Eneas en disposición de fundar unha nova estirpe: a do pobo romano. A obra de Virgilio pertence á épica culta romana e unha das súas fontes de inspiración é a tradición épica grega, da man de Homero (La Iliada e La Odisea); ao coñecemento deste labor únese o de xestas de romanos célebres no campo de batalla.
     Publio Virgilio Marón (71-19 a.C.) compuxo o poema para encumbrar a figura do seu emperador, Augusto, a quen considera descendente de Eneas –polo tanto, dos deuses, pois Venus era súa nai-, ao que atribúe asombrosas fazañas que posibilitaron o nacemento do pobo romano.
    

As cuestións que se propoñen teñen como obxectivo facilitar a comprensión do texto sobre o que vimos traballando na aula e que será obxecto de avaliación neste trimestre:
  1. Que estrataxema deseñan os gregos para asaltar definitivamente a cidade de Troia?
  2. Que erro fatal cometen os troianos na interpretación da morte de Laoconte?
  3. Con quen fuxe Eneas? Quen é a súa muller e porque non abandona Troia con el?
  4. Quen lle revela en soños o que debe facer?
  5. Xa en ruta, intenta fixar o seu destino en Creta. Quen o desengana e que lle di? (páx. 50)
  6. Que son as arpías e que lle prognostica ao heroe a arpía Celeno?
  7. Que dous episodios da Odisea evoca o autor da obra cando os troianos pasan polas costas de Sicilia?
  8. Que luctuoso feito ocorre tras o abandono da Illa dos Cíclopes?
  9. Na páxina 59 explícase o motivo polo que Juno detesta a Eneas e a todos os troianos. Podes explicalo? Poderías relacionalo coa expresión “Ser a mazán da discordia”?
  10. Que triste experiencia comparten respecto ás súas patrias Dido e Eneas (pensa por que están alí os dous)? Cres que ten algo que ver esta lenda, recollida na Eneida coas guerras púnicas? Podes atopar información sobre estes feitos na páxina 18 da introdución ao libro de lectura.
  11. Como remata a relación entre os anteriores personaxes? Volverán encontrarse nos capítulos posteriores? Explica a túa resposta.
  12. Ao marchar de Sicilia, Eneas e os seus homes vense envoltos nunha terrible tormenta. Que prezo deberán pagar por saír con vida de tal suceso? Páx 86-88
  13. Quen é a Sibila de Cumas e que prodixioso viaxe emprenderá Eneas na súa compañía? Con que personaxes, importantes na súa vida, se vai atopar no lugar a onde viaxan?
  14. Aporta información relevante sobre Caronte, o río Leteo, o Can Cerbeiro, o Tártaro e os Campos Elíseos.
  15. Cando Eneas e os seus chegan ao Lacio, quen os recibe? Que actitude mostra ante a chegada dos troianos e por que?
  16. Cal é a orixe das disputas entre Turno e Eneas?
  17. Eneas precisa pobos que se alíen con el para enfrontarse aos latinos. Para iso, remonta o río Tiber: concreta que rei o vai apoiar e que agasallo lle proporciona Venus, súa nai.
  18. A aristía é a mostra en combate do valor e cualidades case sobrehumanas dun heroe épico. Poderías citar nomes de personaxes dos que se conteña algunha aristía na Eneida?
  19. Os deuses e semideuses do Olimpo participan tamén dalgún xeito na guerra entre os latinos e os troianos dirixidos por Eneas. Precisa dous casos nos que Eneas ou Turno reciban a axuda deses seres sobrenaturais.
  20. A caracterización de Turno e de Eneas é diferente; Virgilio móstrase máis amable coa caracterización deste último, en definitiva, antepasado do seu emperador Augusto. Rele as páxinas 125-26 e 128-29 e cos datos que poidas recompilar nelas, comenta as diferenzas entre a forma de ser do latino e do troiano.
  21. Despois dun atisbo de compasión, Eneas acaba matando a Turno. Que ve no ombreiro do enimigo que o empuxa á vinganza?
  22. A victoria dos troianos supón o casamento de Eneas coa filla do rei. Que consecuencias tivo este feito?
  23. Traza a ruta que sigue Eneas desde Troia ata o Lacio.
  24. PERSONAXES RELEVANTES QUE TEDES QUE SABER IDENTIFICAR:
    Helena, Laoconte, Eneas, Creúsa, Ascanio, Anquises, Venus, Juno, Vulcano, Xúpiter, Neptuno, Mercurio, a arpía Celeno, o Cíclope, Escila, Caribdis, Dido, Palinuro, a Sibila de Cumas, Caronte, o rei Latino, Amata, o rei Evandro, Turno, Niso, Euríalo, Palante, Camila, Yuturna, Lavinia.




martes, 14 de febrero de 2017

ASPECTOS DAS VOSAS INVESTIGACIÓNS QUE DEBEDES COÑECER


SOBRE ESPECTÁCULOS

1. Con que fines se celebraban os LUDI, quen os financiaba e con que obxectivo o facía?

 2. Cita tres lugares que acollesen con frecuencia a representación de espectáculos e indica cales son as súas partes (tes que sabelas indicar nun debuxo).

 3. Tedes que dar información relevante sobre as seguintes celebracións: carreiras de carros, naumaquias, venationes, execucións, loitas de gladiadores e representacións teatrais para os patricios e para a plebe.

4. A que se debeu a prohibición de moitos destes espectáculos na etapa final do Imperio?


5. Debedes coñecer os datos seguintes sobre xéneros literarios:

   - ÉPICA: definición, obra e autor máis relevante
   - COMEDIA: definción e o nome dos dous autores máis destacados
   - ORATORIA: definición, función na sociedade romana e o nome dun orador célebre.
   - LÍRICA: definición e autores destacados
   - EPIGRAMA: definición, función na sociedade romana e autor máis coñecido

INDUMENTARIA

6.  Masculina: tipos de togas, utilidade de cada unha e tipos de calzado.

7.  Feminina: elementos da vestimenta da muller ( fascia pectoralis e strophium, túnica, estola e palla) e definición dos mesmos. Tipos de calzado.

8.  Que función desempeñaba a ornatrix?

A MULLER EN ROMA

9. No momento do nacemento, quen decidía sobre o futuro que lle esperaba á rapaza?

10. Cal é a diferencia entre o matrimonio cum manu e o matrimonio sine manu?

11. Que é unha matrona?

12. Indica en que consiste cada un destes tipos de relación: matrimonio sine connubio, concubinato e contubernio.

13. Que era unha vestal?

OS TRIA NOMINA (os tres nomes)

14. Indica cales son as partes destes nomes de varón e de muller  romanos e que indica cada un:
                                           
Appius Tullius Brutus

Marcia Pompilia 

A ALIMENTACIÓN 

15. Que era a polenta?

16. Cales eran os nomes que, en latín, se referían ás comidas feitas nas distintas partes do día?

17. Que partes tiña un banquete patricio (cantas comidas se servían) e en que consistía cada unha?

18. Como conservaban os romanos os alimentos perecedeiros?

19. Explica quen compoñía a PLEBS FRUMENTARIA e que relación tiña coa ANNONA.

Non esquezades que tamén debedes coñecer os aspectos que tratamos na aula sobre A EDUCACIÓN ROMANA.